Thursday 02 de May de 2024

A Mancomunidade de Ordes pide o apoio económico de Igualdade para continuar co labor do CIM


O pleno solicita unha subvención de 140.000 € para manter o servizo do centro

No seu último pleno a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordou unanimemente solicitar á Consellería de Igualdade a subvención para a promoción da igualdade. A dita achega ascende a 140.000 euros, destinados ao mantemento do Centro da Información á Muller (CIM), “un dos máis efectivos e con mellores resultados de toda Galicia” tal e como foi cualificado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O CIM da Mancomunidade de Ordes está composto por un equipo de catro traballadoras. Unha directora, unha psicóloga, unha asesora xurídica e unha axente de igualdade. Todas elas levan atendido no que vai de ano a máis de 200 casos. Entre os servizos que ofrecen figura a asistencia en distintos ámbitos e en base a diferentes cuestións, como por exemplo o asesoramento xurídico relacionado co dereito de familia, medidas provisionais, dereito penal aplicado á violencia de xénero ou dereito laboral. Tamén se organizan talleres, obradoiros, xornadas, charlas etc dirixidas a distintos sectores poboacionais. Tramitacións relacionadas coa asistencia xurídica gratuíta, atención psicolóxica, información de recursos destinados ás vítimas de violencia de xénero etc son outros dos aspectos que se traballan neste centro.

Na sesión que tivo lugar onte tamén se deu conta da achega de 44.000 € concedida pola Consellería de Sanidade. Uns cartos destinados á instauración dunha unidade de prevención de drogodependencia que empezará a funcionar en vindeiras datas.